Wednesday 15 de May de 2024

O proxecto Mulleres fronte á emerxencia climática contará con novas sesións na Pobra


Durante o mes de novembro continúan na Pobra do Caramiñal as sesións do proxecto Mulleres fronte á emerxencia climática. Trátase dunha iniciativa impulsada por Feitoría Verde que analiza a relación entre o xénero e o cambio climático, en busca de alternativas para construír sociedades máis xustas e igualitarias. As vindeiras citas terán lugar nos días 12 e 26, das 17.00 horas en diante, na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal. Non se require a inscrición previa.

Os obxectivos son facilita-la transición ecolóxica cara á sociedade e comunidades baixas en carbono, valora-lo potencial das mulleres como axentes de cambio na descarbonización da súa contorna, dinamiza-los contornos rurais centrando o traballo nas súas mulleres e potencia-la concienciación social dos grupos participantes sobre a cuestión de xénero.

Conta co financiamento de diversas entidades, entre elas a Administración local pobrense, a través da Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e da Deputación da Coruña ao abeiro das subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2022.